Os plans de ordenación docente da Universidade de Vigo darán en novos despedimentos de profesorado nesta universidade

O concurso do profesorado contratado para o vindeiro curso non foi negociado coa representación sindical, malia ser obrigatorio; o acordo de transformación de profesorado propio en asociado tampouco non se adecúa á LOU.

Estas medidas, que serán discutidas no Consello de Goberno desta semana, contan coa oposición total de CC.OO., xa que o rector desta universidade se comprometera coas centrais sindicais —xuntanza do 17 de setembro de 2002— a negocia-la adecuación da LOU ó profesorado contratado.

CC.OO. propón un acordo restrinxido ó vindeiro curso académico, que inclúa o mantemento do cadro actual do profesorado contratado, en tanto non se coñeza o novo plan de financiamento que entrará en vigor a partir de xaneiro de 2004; tamén quere a revisión dos acordos que contraveñen a LOU, como o citado de transformación de PP1 a ASOC; por último, solicita a negociación da oferta de prazas de profesorado contratado LOU, como corresponde ós novos dereitos de negociación colectiva derivada desta lei orgánica.

De todos estes asuntos, o máis grave é, sen dúbida, o posible despedimento de profesorado, malia que o mantemento do cadro actual do profesorado contratado na Universidade de Vigo é posible desde o punto de vista financeiro. Xa temos indicado que a Universidade de Santiago, con ter peor financiamento cá de Vigo, mantén todo o seu cadro de persoal. Mais aló, a USC garante nas disposicións transitorias dos seus estatutos —que se están a discutir neste momento— a estabilidade para o seu profesorado contratado.

A Universidade de Vigo está obrigada a defende-lo seu persoal, única garantía do futuro da institución. Non o facer depende, exclusivamente, da vontade política da dirección da universidade. As centrais sindicais amosámonos, en todo momento, dispostas a negociar estes temas e o rector desta universidade non pode mirar para outro lado ante este gravísimo problema laboral e académico.

Pola nosa banda, en CC.OO. convocaremos asembleas informativas co persoal afectado para lles explicar todos estes aspectos; e non desbotámo-la posibilidade de iniciar medidas de presión (folga de exames, etc.).

Sección sindical de CC.OO. da Universidade de Vigo.

Mais información:

Jorge Árias Otero: jlarias@uvigo.es
José Mª Cancela Carral: chemacc@uvigo.es
Rafael Durán Barbosa: rduran@uvigo.es
Manuel Velasco Graña:
ccoo@uvigo.es

© maio 2003 Sección Sindical de CC OO da Universidade de Vigo