Á DENUNCIA PRESENTADA POLAS SECCIÓNS SINDICAIS DE CC.OO. E FETE-UGT POLA ACTUACIÓN DA COMISIÓN QUE XULGOU AS PRAZAS DE TÉCNICO SUPERIOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS E XESTOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS.
Ir o documento en html Novos documentos Ve-lo documento en PDF




DENUNCIA DE CCOO E UGT POLA ACTUACIÓN DA COMISIÓN QUE XULGOU AS PRAZAS DE TÉCNICO SUPERIOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS E XESTOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS CRONOLOXÍA E NOTAS NECESARIAS PARA ENTENDER AS IRREGULARIDADES QUE QUEREMOS DENUNCIAR

Para dar a posibilidade de ocupar provisionalmente tódalas prazas non cubertas da RPT do 2000, alí onde non había listas de agarda, o Comité Intercentros (C.I.) e maila Xerencia acordaron convocar un concurso de méritos* no que puido participar tódo o persoal laboral fixo da Universidade de Vigo.

O seis de febreiro publicouse nos taboleiros de anuncios a Resolución Rectoral na que se nomeaban os membros das distintas Comisións de Selección, compostas cada unha por tres persoas, duas nomeadas pola Universidade, e unha nomeada polo Intercentros.

As Comisións que xulgaron as prazas de Técnico Superior e Xestor de Actividades Culturais, son idénticas, o estar formadas polas mesmas persoas, por parte da Xerencia, Xosé Manuel Cid Fernández, que ostenta a presidencia, Angeles Sobrino Mosteiryn, que actúa como secretaria, e, nomeado polo Comité, Luis Pérez Gómez, que o fai como vocal.
A Comisión elabora, ela mesma, os baremos e criterios e procede a realiza-la selección. O dezanove de febreiro publica a súa proposta de candidatos e Alfonso Caride Losada encabeza tanto a de Técnico Superior como a de Xestor. Na proposta de candidatos non aparecen os criterios de avaliación empregados.

O vinteún, do mesmo mes, un dos aspirantes á praza, desconforme co baremo empregado pola Comisión, presenta unha reclamación. Días despois, a algúns membros do C.I. se nos fai partícipes das irregularidades destes procesos de selección e o trece de marzo, nunha sesión ordinaria do C.I., onde estaba presente o membro que actuou como vocal, outros compoñentes do citado órgano lle pediron explicacións sobre as irregularidades que se estaban a denunciar intentando conciencialo dos graves erros que él estaba a permitir. De nada serviu, pois o día seguinte, catorce de marzo, a Comisión reuniuse para tratar a reclamación presentada, e con data do mesmo día se lle contesta o reclamante que a Comisión de Avaliación ratificase na proposta anterior de adxudicación.

AS SECCIÓNS SINDICAIS DE CCOO E UGT, DESPOIS DE ANALIZAR ESTE PROCESO DE SELECCIÓN E DE CONSULTAR A DOCUMENTACIÓN XERADA POLA COMISIÓN ESTAMOS CONVENCIDAS DE QUE SE PRODUCIRON GRAVES IRREGULARIDADES QUE IMOS EXPOÑER A CONTINUACIÓN

1. A Comisión de avaliación de méritos para a cobertura con carácter provisional das prazas de titulado superior en actividades culturais e xestor de actividades culturais, incumpre flagrantemente as bases da convocatoria  o entrar a baremar os expedientes académicos da titulación esixida.


2. A Comisión emprega un baremo inxusto pois, deliberadamente, favorece ós candidatos que partindo dunha diplomatura (p.e. profesor/a de EXB) obteñen logo unha licenciatura, en detrimento dos candidatos que fan cinco cursos para obte-lo mesmo título, pois aínda que ámbolos dous reciben puntos por ser licenciados os primeiros tamén os reciben por ser diplomados.


3. A Comisión, intencionadamente, busca un perfil que nós definiríamos como pedagóxico-docente. Non entendemos a razón pola que, nunha selección a prazas da RPT do persoal laboral, cun perfil profesional perfectamente definido, se valore o CAP (certificado de aptitude pedagóxica) e se lle dea tanta importancia as notas acadadas na carreira e, por contra, non se teña en conta a formación ou experiencia profesional en postos de natureza afín.

4. No apartado C, dos criterios elaborados pola Comisión, chámanos poderosamente a atención que se mencione a "especialización en galego" e se outorgue a puntuación máxima deste apartado (2,5 puntos) a un dos seleccionados que presenta un diploma outorgado pola Dirección de Política Lingüística da Xunta de Galicia, onde non se especifica o número de horas, e polo contrario, non se valore outra formación en galego. 5. Tamén no apartado C, a Comisión converte o noso abraio en estupefacción cando comprobamos que consideran mérito (seguimos a falar de formación relacionada coa praza), cantar dous anos nun coro (0,5 puntos), actividade esta que o beneficiado non acredita documentalmente. Aquí o asunto canta de máis e aparte de quedarse con todos nós, a Comisión comete unha manifesta irregularidade o non cumprir o que din as bases: ("xunto coa solicitude deberán presentar documentación xustificativa da titulación (base 1b) e dos méritos alegados consonte ás base 3.3".) 6. A Comisión ó baremar os candidatos para a praza de Xestor de Actividades Culturais non actúa con coherencia e perde completamente o norte, ó aplicar os dous candidatos presentados, criterios distintos. Ámbolos dous aspirantes á praza, teñen títulos parellos: os dous son licenciados e os dous utilizaron como primeiro ciclo da licenciatura o diploma de profesor de EXB, os dous presentan tamén os expedientes das licenciaturas e ningún deles presenta o mesmo documento da diplomatura. Nembargantes, a Comisión lle concede ó candidato gañador (sigue sendo o mesmo) no apartado "expediente" 12,8 puntos, os mesmos que lle concedeu na praza de Titulado Superior, esquecéndose de que, en todo caso, aquí só poderían valorarlle o expediente da diplomatura, máis como non o ten, graciosamente lle conceden ese favor. A forza de ir torcendo o resultado cara a un candidato ó final rematan retorcendo todo o proceso.

7. Non é ético que un membro dun órgano que representa a tódolos/as traballadores/as da Universidade de Vigo, non deixe de formar parte dunha comisión de selección , unha vez que coñece que o seu compañeiro de sindicato e membro coma el do Comité Intercentros, está entre os candidatos que aspiran a praza.

8. Ó día seguinte de participar nesta Comisión, o mesmo membro do Comité Intercentros formou parte doutra para escoller un Titulado Superior dos Servicios Xerais de Investigación, e nela defendeu criterios e baremos distintos ós que aplicou (aplicaron) o día anterior (ver documentos nº 5 e nº 6)
 

CONCLUSIÓN E PETICIÓN DE RESPONSABILIDADES

1. Os argumentos expostos nos puntos anteriores, lévanos a conclusión de que se cometeron graves irregularidades no proceso que estamos a describir e que a comisión aplicou uns criterios e baremos, claramente subxectivos, que beneficiaron a uns candidatos e prexudicaron a outros, o que nos permite afirmar que as normas que se fixaron, o non ser obxectivas e xustas, atentan contra os principios de igualdade, capacidade e mérito que deben presidir toda selección, nun servicio público e democrático como é a nosa universidade.

2. Non comprendemos nin compartimos a actitude que en todo este proceso mantén o noso compañeiro Luis Pérez Gómez, lembrámoslle que está aí en nome do Comité Intercentros, órgano que ten a obriga de defender os intereses de tódolos traballadores e traballadoras. A el lle estamos a pedir e lle seguiremos pedindo responsabilidades tanto dentro como fora do Comité.

3. O máximo beneficiado deste amaño forma parte do Comité Intercentros, membro por certo pasivo, pois en dous anos só asistiu a dúas reunións. Por suposto que defendemos que calquera membro do C.I pode participar nunha promoción ou obter os mesmos beneficios que o resto de compañeiros e compañeiras, máis o que nunca apoiaremos é que alguén aproveite a súa pertenza o Comité para conseguir vantaxes.

4. O presidente desta comisión, e polo tanto máximo responsable do que nela suceda, é o ex-vicerrector de Extensión Universitaria e actual Decano da Facultade de Humanidades de Ourense, X. M. Cid Fernández, a el tamén lle imos pedir contas. Non é digno que un cargo institucional permita estes excesos e arbitrariedades.

5. Nós, como Centrais Sindicais, que tamén participamos no goberno do Intercentros, somos conscientes da gravidade dos feitos que estamos a denunciar e dos efectos que esta denuncia pode ter na relación sindical. Máis é o noso deber facelo. Esta non é unha liorta entre sindicatos, esta é unha acción necesaria para que todos e todas podades seguir confiando na credibilidade e ética sindical.

6. Facemos, por último, un chamamento á CIG laboral para que deixe de actuar partidariamente no Comité Intercentros e para que defenda por igual os intereses dos traballadores e traballadoras da Universidade de Vigo sen importar a súa afiliación. En xogo está a unidade de acción sindical que CCOO e UGT consideramos esencial, máis non a calquera prezo.



Volver o Inicio
Documento nº 1




Volver o Inicio
Documento nº 2




Volver o Inicio
Documento nº 3




Volver o Inicio
Documento nº 4




Volver o Inicio
Documento nº 5



Volver o Inicio
Documento nº 6



Volver o Inicio
Documento nº 7

Volver o Inicio

Denuncia feita polas Sección Sindicais de CC.OO. e FETE-UGT