--------------------------------------------------------------------------------
07/12/2002
SANTIAGO DE COMPOSTELA
CPXG
A Xunta de Goberno do COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA, corporación
de Dereito Público que agrupa a 1.083 profesionais da comunicación,
desexa transmitir á opinión pública a súa preocupación
polas dificultades que o Goberno Central e a Xunta de Galicia están a
poñer diante dos xornalistas para informar axeitadamente sobre as circunstancias
nas que tivo lugar a deriva e posterior naufraxio do petroleiro Prestige
e acerca da evolución das sucesivas mareas negras de fuel pesado que
destes feitos se derivaron e están a derivarse. O apagón informativo
decretado, entre outros, polas autoridades da Mariña Mercante coa fin
de evitar que os xornalistas poidan contrastar diferentes versións sobre
estes feitos e a negativa a suministrar datos que os profesionais se ven na
obriga de recabar de entidades que dependen dos gobernos francés e portugués
constitúen dous exemplos intolerables do intento que están a desenvolver
as autoridades españolas e galegas de someter ós medios de comunicación
ó seu discurso oficial cando, nos asuntos relacionados coas administracións
públicas, o dereito fundamental á información debe prevalecer
sempre por riba de calquera restricción que vulnere inxustificadamente
o principio da transparencia informativa ó que estan obrigadas.
Unha mostra desta irracional estratexia da ocultación impulsada polo Goberno tivo lugar o pasado mércores co peche ós xornalistas do porto de Aguiño (Ribeira), nunha decisión que constitúe unha flagrante violación do dereito á información protexido polo artigo 20.1 da Constitución Española.
O COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA, como entidade obrigada a evita-los
intentos de limita-lo dereito dos cidadáns á liberdade de expresión
e de información, mediante actos ou opinións dirixidos a restrinxir
ou influir lesivamente na libre actividade dos medios de comunicación
e de quen traballan neles, quere amosar tamén a súa preocupación
polas consignas impostas nalgúns medios de comunicación de titularidade
pública, nomeadamente Televisión de Galicia e Televisión
Española, co único obxectivo de condiciona-la información
para que non resulte perxudicial ós intereses políticos dos actuais
gobernantes. A garantía dos dereitos dos cidadáns require a defensa
duns medios de comunicación libres, plurais, críticos e abertos
á sociedade á que serven. A importancia da función social
que presta o xornalista a través dos medios de comunicación, como
elemento principal para o exercicio destes dereitos, esixe salvagardar permanentemente
estes principios de calquera intento de restricción ou coacción
procedente de toda forma de poder, así coma da súa posible degradación,
producida pola súa eventual inobservancia ou adulteración por
parte dos propios medios ou de quen traballan neles. Na súa condición
de actores principais do exercicio dun dereito fundamental, do que son depositarios
tódolos cidadáns, os profesionais da información deben
desenvolve-la súa función atendendo ó dobre compromiso
da responsabilidade, derivada da súa importante tarefa e do mandado da
súa propia conciencia, dacordo co ordenamento constitucional e cos principios
deontolóxicos da profesión xornalística. A liberdade de
expresión e o dereito á información son dous fundamentos
substanciais da sociedade democrática. Os dous son dereitos recollidos
e amparados pola Constitución. Do vigor, o respecto e a plena vixencia
destes principios depende a existencia dunha opinión pública plural
e independente, requisito indispensable para o bo desenvolvemento da vida pública
e a plenitude do sistema democrático.
O COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA non considera casual que estes
feitos, directamente relacionados coa crise do Prestige, teñan
coincidido no tempo con denuncias de persecución de xornalistas concretos
suxeridas dende instancias da Xunta de Galicia, da que dependen importantes
partidas presupostarias de libre disposición coas que, desgraciadamente,
é posible condicionar as contas de resultados, e os comportamentos informativos
de xornais, axencias de noticias e emisoras de radio e televisión, de
titularidade pública e privada.
O COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA considera intolerable esta situación
e, por isto, ó tempo que lla transmite á opinión pública,
fai un chamamento ós xornalistas galegos e ós empresarios da comunicación
para que se rebelen e defendan o dereito á información fronte
a calquera intento de condicionar o seu traballo.
A Xunta de Goberno do COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA quere tamén
expresar a súa emocionada solidariedade cos afectados pola marea negra
e, ó tempo que suliña a súa comprensión pola tensión
coa que están a vivir esta crítica situación, rógalles
encarecidamente que faciliten na medida das súas posibilidades, o traballo
dos xornalistas, que non son os culpables do que as súas empresas poidan
ocultar, na seguridade de que a difusión dos seus problemas entre o conxunto
da sociedade contribuirá decisivamente á súa solución.