LIBRO E EXPOSICIÓN DE DEBUXOS ESCOLARES NUNCA MAIS

Pontevedra, 10 de decembro de 2002

Estimados amigos e amigas:

Diante da catástrofe que asolaga o noso País, coidamos que ningún cidadán, institución ou empresa pode ficar pasivo. Hai moitas formas de colaborar diante do desatre e cada un sabe cál é o mellor xeito de facelo.

A equipa de persoas que formamos a Factoría Kalandraka adicámonos decote a pensar nos máis pequenos, a soñar cos libros máis bonitos para eles e a intentar que cheguen as súas mans. Nesta ocasión desexamos que o noso traballo sexa unha canle para expresar os seus sentimentos, os seus medos e anceios.

Por iso imos editar un libro cos seus debuxos e palabras, un libro que chegará a todas as cidades do estado, e tamén ás de moitos países de Europa, de América e de Asia. Un libro que se poñerá a venda nas mellores librerías da península para conseguir axuda económica e solidaria.

Porque desexamos que cando amaine a treboada, as verbas e colores dos nenos e nenas galegos sigan a ser unha denuncia, unha chamada ao sentido común, unha esixencia: Que isto non volva suceder nunca máis.

Pregámosvos que nos remitades debuxos dos vosos alumnos e alumnas máis pequenos. Podedes usar distintas técnicas: ceras brandas, collage, rotuladores, etc...Pedímosvos que tamén nos enviedes textos dos maiores: acrósticos, caligrámas, poemas, textos curtos. Trátase de que expresen como ven agora o mar, as costas, a fauna, o traballo dos homes e mulleres que intentan evitar a desgracia colectiva, e tamén como debería ser o futuro, o seu futuro...

Indicádenos en calquera caso o nome dos alumnos, curso e centro (que non o escriban por riba dos debuxos). Os envíos podedes remitilos por correo ao noso enderezo: Alemania 70, 36162 Pontevedra, baixo o lema "nunca máis"

Con todo o material que recibamos elaboraremos unha exposición e seleccionaremos os debuxos e textos que conformarán o libro

Agradecemos de antemán a vosa axuda e enviámosvos un cordial saúdo