A ASOCIACIÓN ADEGA COORDINA 400 VOLUNTARIOS/AS NA LIMPEZA DAS COSTAS
NOVO FIASCO NA ORGANIZACIÓN DO VOLUNTARIADO, RESPONSABILIDADE DE COSTAS E TRAGSA
Un novo fin de semana con milleiros de voluntários e voluntárias nas praias pon de manifesto de novo a falta de médios e a descordinación e incompeténcia das autoridades e da empresa TRAGSA. ADEGA solicita da Demarcación de Costas que garanta a presencia de persoal con experiencia na limpeza de fuel e coñecimentos sobre os ecosistemas nos que se traballa, e pide que o litoral galego sexa dividido en várias zonas nas que outras empresas distintas de TRAGSA se encarguen de xestionar infraestructura de limpeza.
A Asociación ADEGA coordina este sábado e domingo sete grupos de voluntários, que suman un total de 400 persoas procedentes tanto de Galiza como doutras zonas do Estado e do exterior. O destino previsto destes grupos era o seguinte: dous grupos dirixiron-se á praia do Rostro en Fisterra, outros dous á praia de Quence en Corcubión, dous mais á praia do Trece en Camariñas, e un último grupo á praia de Beo en Malpica.
Estes grupos estaban organizados dese o pasado luns dia 9, dia desde o que ADEGA se viu na obriga de non atender mais solicitudes de voluntários, pois a Demarcación de Costas e a empresa TRAGSA que coordinan ao nivel xeral os traballos en todo o litoral e han de facilitar os meios necesários non aceptaron mais incorporacións.
Sen embargo, agás o primeiro dos grupos, ningún dos restantes tivo finalmente como destino o lugar indicado, e algúns deles atoparon-se cunha falta absoluta de material e sen contacto oficial na praia de destino.
O caso mais sangrante é do grupo que se dirixiu á praia de Quence: ninguén da empresa nen de Costas estaba a espera-los, ao contrário do convenido nos dias anteriores coa Demarcación de Costas. Este grupo viu-se na obriga de xestionar o material, xa no sítio, e buscar outra praia onde traballar, que finalmente foi a de Langosteira. Finalmente suministrou-se-lles o material, pero non asi a comida: a comida prevista tampouco chegou, e só puideron comer despois de que persoas solidarias do pobo lle buscaran uns bocadillos.
O grupo destinado a Trece tivo que cambiar finalmente para
Reira (Camelle) e o destinado a Beo para Seiruga, perdendo-se nestas improvisacións
boa parte do tempo de traballo prático. Asimesmo, escasearon diversos
materiais, especialmente capazos e contedores. Só a actuación
dos coordinadores permitiu que a xornada non se perdera por
completo.
DEFICIÉNCIAS OBSERVADAS E PROPOSTAS DE ADEGA PARA MELLORAR O TRABALLO NO LITORAL
Os problemas de coordinación e a falta de médios son unha constante en todo o litoral no que opera o mecanismo de Costas e TRAGSA, mentres que funciona muito no mellor nas rias Baixas onde os concellos decidiron organizar o traballo directamente, rexeitando e desouvindo as presións de Costas.
As deficiencias observadas no ámbito Costas-TRAGSA
son as seguintes:
· Deficiente información sobre a situación do litoral e
de onde hai que limpar: Persoal dependente directamente de Costas é o
encargado de informar á Demarcación do estado do litoral e das
necesidades de limpeza en cada ponto; con esta información, Costas programa
a distribución do persoal de limpeza, incluindo o voluntariado. Aquí
temos o primeiro fallo, pois este persoal litoral, senon que se preocupa maiormente
de recabar datos que despois son empregados con finalidade propagandística
(número de voluntários que están a utilizados, toneladas
de resíduo recuperado, etc)
· Incapacidade manifesta da empresa TRAGSA. A empresa TRAGSA é
a encargada de xestionar todo tipo de meios en todo o litoral onde actua Costas,
tendo-se posto de manifesto a sua incapacidade para xestionar os meios necesários,
polo que reiteradamente se repiten as caréncias denunciadas; a lentitude
e burocrácia desta empresa fai que as soluciós cheguen sempre
tarde.
· Inexperiéncia e falta de formación do persoal supervisor.
En cada área de traballo, a empresa TRAGSA debe contar cun capataces
encargados de (nos grupos de voluntariado de ADEGA, estes supervisores aportaos
a própria Asociación). O número de capataces e supervisores
é claramente insuficiente, como o é en muitos casos a sua formación,
aspecto que non foi atendido desde o primerio dia. TRAGSA trae persoal próprio
procedente doutras zonas do Estado para realizar este traballo, incorporando-se
ao mesmo sen maiores coñecimentos que os do voluntariado ou persoal contratado,
e cando gañan experiencia van-se para seren reemprazados por outras persoas
novas sen experiéncia. A non continuidade do persoal supervisor é
asi un dos graves problemas observados.
· Risco de degradación adicional en espacios sensíbeis.
O escaso persoal especialiado (biólogos, xeólogos...) que deberían
adicar-se a organizar o traballo no próprio terreo, están-se adicando
a tarefas de oficina para xestionar meios e información. Este persoal
deberia ser fundamental para evitar males maiores nos como son as dunas e marismas.
De todo isto, deduce-se a incapacidade de Costas para coordinar os traballos no litoral, e especialmente a incapacidade da empresa TRAGSA para por os meios necesários. Como medida imediata, ADEGA propón que se incorporen outras empresas á xestión dos meios e coordinación dos traballos. Estas empresas deberán actuar sobre zonas concretas do litoral, axudicadas por Costas.
Asimesmo, ADEGA solicita da Demarcación de Costas que garanta a preséncia nas zonas de traballo de persoas formadas na recollida de fuel e con coñecimentos sobre os ecosistemas sobre os que se está actuando.
Santiago de Compostela, a 15 de decembro de 2002.
Asdo. Manuel Soto Castiñeira, Presidente de ADEGA.