LE MONDE | 07.12.02 | 11h57


As fugas do "Prestige" fan temer que se produza unha catástrofe maior


Contrariamente ao que indicaba a ficha técnica do petroleiro, semella que o fuel non se solidifica a unha profundidade de 3 500 metros. De aí que que este producto contaminante e moi difícil de tratar vaia ou ben ascendendo pouco a pouco ou ben de xeito violento se as cubas ceden á presión. Existe o risco de que enzoufe todo o litoral atlántico.


Despois do naufraxio do Prestige, no alto mar de España, o 19 de novembro, o peor da marea negra podería estar por vir. Mentres Galicia se está a envorcallar neste veleno e mentres outros puntos da costa española se ven salferidas de negro, acábanse de descubrir outras catro fugas na proa do petroleiro que aínda contén de 40 000 a 60 000 toneladas de fuel pesado. O submarino de peto Nautile, durante o seu recoñecemento de observación aos restos do barco, a máis de 3 500 metros de profundidade, deu conta de que o casco sofre fortes distorsións debido á presión existente no fondo mariño. Isto failles temer aos expertos que se produza unha ruptura progresiva das cubas, sobre todo se estas non están cheas: o aire, prisioneiro nos compartimentos, pode provocar o esgazamento da chapa. Estas observacións confirman o prognóstico dun experto dunha compañía petroleira: " Non hai que enganar a xente : o petróleo non vai quedar asentadiño no fondo do mar; un día ou outro, ha subir á superficie".


O proceso está en marcha. Dúas semanas despois de que largase unha parte da carga, consecuencia de partirse en dous o navío, as autoridades portuguesas e francesas detectaran, a finais de novembro unha capa de 42 quilómetros cuadrados logo do afundimento a chumbo da carcasa. O goberno español refutou a información. O Instituto Hidrográfico de Portugal, sen embargo, volveu insistir o xoves pola tarde e sinalou a existencia doutra capa, esta vez de 52 quilómetros cuadrados, que se atopaba por enriba dos restos do barco. O vicepresidente do goberno español, Mariano Rajoy, acabou por confirmar, o venres 6 de decembro, na Coruña a presencia de dúas capas de fuel de menor importancia. "É o noso Chernóbil", admitiu o ministro de fomento español, Francisco Álvarez-Cascos.


"O Prestige é un niño de riscos de contaminación constante para todo o Atlántico", estiman os expertos lusitanos. Este medo é compartido polos seus homólogos franceses. A probabilidade de que o Prestige cuspa progresivamente ou brutalmente o seu veleno aparece corroborada polos experimentos sobre a natureza do producto efectuados polo Centro de documentación, investigación e experimentación sobre as contaminacións accidentais de augas (Cedre).


Máis Lixeiro cá auga


Os científicos someteron algunhas mostras de fuel pesado, extraído das adegas antes do naufraxio, a unha temperatura de 3ºC e unha presión de 350 bares. Comprobaron que nestas condicións moi próximas a aquelas observadas no lugar do naufraxio, o fuel segue a ser máis lixeiro cá auga e polo tanto ha ter a tendencia a ascender. Aínda máis inquientante, o estudio constata que a 2,5 ºC o fuel do petroleiro das Bahamas "permanece fluído, capaz de "fluír" lentamente baixo o efecto da presión". Esta análise aparece corroborada polas imaxes do Nautile, que amosan cómo o petróleo sobe nunha interminable columna negra.


Segundo o Cedre, esta reacción contradi o certificado de calidade ofrecido polo laboratorio Saybolt, que examinou pola conta do fretador, Crown Resources, o fuel do Prestige, cando se realizou a carga no porto de Tallin, en Estonia. Esta ficha técnica indicaba que o producto se volvía duro a partir de 6ºC, cousa constestada polo centro de Brest. "Malia as características ofrecidas por Saybolt-Letonia, a curba de viscosidade non fai aparecer un punto de solidificación", indica o informe de Cedre. A sociedade Saybolt foi contactada nos Países Baixos e non quixo nin confirmar o dictame dos expertos nin pronunciarse sobre o diferendo, en nome da cofidencialidade das súas relacións cos fretadores.


O profesor Jean Oudot, do Museo Nacional de Historia Natural, que tamén analizou o fuel do Prestige, insiste na feble degradación do cargamento. " Neste producto, a evaporación que se produza non vai ir máis aló dun 10% ou dun 15% da súa masa total, mentres que no caso do Amoco-Cadiz supuxo unha cantidade que andou entre un 60% ou un 70% do cru, explica o investigador. Neste caso, coma no caso do Erika, o fuel pesado emulsiónase coa auga de mar ata duplicar o volume e adquirir unha tinguidura marrón e unha consistencia semellante á da Nocilla."


A perspectiva de que a carga se neutralizase co paso do tempo e o seu enfriamento, que provocara a decisión das autoridades españolas de afundir o navío a 250 quiloómetros da costa vese, pois, contradicida por unha parte dos científicos. Sen embargo, o xefe do goberno español, José María Aznar, persistía en rexeitar, o pasado venres, a hipótese de que subise á superficie, asegurando que o petróleo se conxelaría antes de chegar á superficie. José María Aznar tamén relativizou as fugas, denominando "fiiños" ao que saía das cubas. En 1999, as autoridades francesas tamén calificaban como "filamentos", as "lixeiras fugas" ou as "pingueiras residuais" que se escapaban das cubas do petroleiro maltés. Logo, coa presión da opinión pública, admitiron que o petroleiro estaba a perder a carga completamente, antes de proceder a atoar as fendas e logo bombear o resto da carga.

Sen embargo, a idea de ir recuperar o contido do Prestige semella estar excluída. No ano 2000, TotalFinaElf gastara máis de 75 millóns de euros en bombear o petróleo que quedaba no Erika, unhas 15 000 toneladas a unha profundidade de 200 metros. Os responsables desta operación pensan, pola contra, que realizar algo semellante a 3 500 metros de profundidade é tecnicamente imposible.


Xa que logo, sobre o fondo do mar atópase pousada unha bomba de efecto retardado. Os expertos non poden predicir nin cómo nin cando vai estourar. O Cedre lembra algúns exemplos de barcos que botaron fóra o seu cargamento varios meses e mesmo anos despois do naufraxio. A comezos dos ano noventa, as autoridades californianas, intrigadas pola continua contaminación de fuel pesado que se producía na costa de San Francisco, descubriron que proviña dun cargo chamado Jacob-Luckenbach que naufragara había medio século. A corrosión fixera o seu traballo e liberara o contido dos tanques. Pero non hai dúbida de que a ascensión da carga do Prestige, de se producir e por causa das cantidades e a natureza do producto, provocaría a maior marea negra da historia.


Benoît Hopquin

• ARTIGO PUBLICADO NA EDICIÓN DO 08.12.02

Traducido ao galego do orixinal francés por Xoán Manuel Garrido Vilariño, TSF (Traductores sen Fronteiras) Facultade de Filoloxía e Traducción, Universidade de Vigo, 08.12.02.