COMUNICADO DA ASEMBLEA XERAL DO CAMPUS DE VIGO
Perante a gravidade da situación provocada pola catástrofe ecolóxica, económica e social que arrasa as nosa rías, a comunidade universitaria de Vigo non pode permanecer impasible e anuncia publicamente os seguintes acordos, tomados na multitudinaria asemblea de hoxe.
1.- Constituír unha Coordinadora Aberta de Campus, formada por profesorado, alumnado e PAS de tódalas titulacións. Esta Coordinadora reunirase hoxe con carácter urxente ás 6 en Peritos para programar o traballo da fin de semana e da semana que vén.
2.- Enviar representantes da Coordinadora á xuntanza convocada pola Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo que terá lugar hoxe nos locais da Federación Veciñal de Vigo.
3.- Crear unha caixa de resistencia en cada facultade e abrir unha conta bancaria para canalizar tódalas aportacións económicas da comunidade, destinadas a axudar ós Pósitos de Mariñeiros, merca de materiais, etc.
4.- Convocar asembleas en tódolos centros o luns día 9 e convocar unha manifestación universitaria contra a indignidade o martes 10 ás 20:00 h.
5.- Poñer 1.200 voluntarios a disposición da Oficina de Voluntariado do Concello de Vigo, así como doutros concellos da comarca, para axudar nos labores que nos encomenden tanto nos próximos días coma nos próximos meses.
6.- Solicitar do Rectorado da Universidade de Vigo as seguintes medidas urxentes:
a) Que se poñan a disposición da comunidade universitaria toda a loxística e os medios técnicos necesarios para intervir onde nos necesiten, dispoñendo se fose preciso dun orzamento especial.
b) Que se convoque un paro institucional de tres días durante a semana para que toda a comunidade universitaria poida axudar onde faga falta, a bordo de pesqueiros, nas praias, nos centros de recuperación de aves, etc.
c) Que o Consello de Goberno da Universidade de Vigo se pronuncie o mércores 11 publicamente sobre esta catástrofe.
Polo Coordinadora Aberta de Campus: Anxo Lorenzo e Xosé Carlos Villamarín,
P.D: Parabéns unánimes da Asemblea ós 67 investigadores que asinaron o manifesto científico que hoxe sae en toda a prensa estatal e internacional. Orgullo.
COMUNICADO DA COORDINADORA DA ASEMBLEA DO CAMPUS
DE VIGO (7/12/2002)
A Coordinadora Intercentros do Campus de Vigo, constituída e reunida
con carácter de urxencia, acordou manifestar publicamente o seguinte:
1.- Facer un chamamento urxente á toda a comunidade universitaria para
que acudan ás asembleas convocadas nos diversos centros o luns pola mañá.
2.- Aumentar o número de voluntarios para traballar nos días de
semana nas zonas afectadas. (A día de hoxe, sábado 7, son numerosísimos
os universitarios vigueses traballando en Silleiro, Cíes e Ons, pero
pola semana seremos máis necesarios).
3.- Facer un chamamento á comunidade universitaria e á cidadanía
en xeral para acudirmos á manifestación convocada para o martes
día 10, ás 20:00, con saída na Praza de España.
4.- Convocar tamén a toda a comunidade e á cidadanía á
realización dunha barreira marítima humana, o mércores
día 11 arredor da Casa de Aríns, onde o aínda presidente
da Xunta intervirá (ou non) na clausura dunha conferencia. Con esta barreira
humana pretendemos simbólicamente que a toxicidade non invada a nosa
cidade. A concentración é na Praza da Princesa ás 10:30
da mañá.
5.- Facer un chamamento ás empresas de transporte (privadas e públicas)
para que colaboren no traslado de voluntarios da Universidade de Vigo ás
zonas afectadas. Do mesmo xeito facemos un chamamento ás empresas de
materiais necesarios para que contribúan xenerosamente a equipar os voluntarios.
Estamos orgullosos da resposta solidaria da nosa comunidade universitaria e
agardamos un pronunciamento público do noso Rectorado. Estamos máis
orgullosos aínda dos nosos mariñeiros. Resistimos. Re-existimos.
Asdo: Anxo Lorenzo, X. Henrique Costas, X.Carlos Álvarez Villamarín.