A UNIVERSIDADE DE VIGO PON TÓDOLOS RECURSO CONTRA A MAREA NEGRA

 

A Universidade pon tódolos seus recursos a disposición das autoridades na loita contra a marea negra, ofrecendo a profesores, estudiantes e persoal de adminsitración e servicios tódalas facilidades para que poidan colaborar nas tarefas relacionadas coa catástrofe. Así o manifestou o goberno da institución nun comunicado difundido na tarde do xoves, co seguinte texto:

Comunicado
“A Universidade de Vigo fai explícita a súa dispoñibilidade e colaboración para facer fronte á catástrofe derivada do sinistro do petroleiro Prestige. A Universidade considera oportuno sinalar e subliñar esta predisposición, manifestada xa en tódolos foros dende o primeiro momento do sinistro, diante da gravidade que alcanza a situación actual, coas Rías Baixas fortemente ameazadas polos vertidos de fuel. En consecuencia, a Universidade de Vigo quere brindar tódalas facilidades para que os estudiantes, profesorado e persoal de administración e servicios poidan sumarse ás distintas tarefas que permitan paliar os efectos causados pola marea negra.
Consonte con este criterio e se se manteñen as actuais circunstancias de emerxencia, o vindeiro luns poderían suspenderse as actividades académicas na Universidade para pór á enteira disposición das autoridades tódolos seus recursos humanos e físicos.
Os distintos colectivos que se organicen poden poñerse en contacto cos distintos teléfonos que se sinalan na páxina web da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade:

www.uvigo.es/webs/servicios/weboma/oma.htm
ou chamando ó teléfono da mesma Oficina: (986 813 883)
para obter información sobre as canles de colaboración establecidas e os puntos onde tal colaboración se fai necesaria.
Polo demais, o Consello de Goberno da Universidade, que celebrará sesión o vindeiro mércores, día 11, fará unha declaración institucional sobre a catástrofe”.