CC.OO. INFORMA
TRAMOS RETRIBUTIVOS AUTONÓMICOS PARA O PROFESORADO UNIVERSITARIO
A proposta da Consellería de Educación non satisfai as centrais
sindicais ó excluí-lo profesorado contratado e propoñer
contías insuficientes.
As centrais sindicais CC.OO., UGT, CIG e CSI-CSIF reuníronse
o pasado día 9 de abril co conselleiro de educación e mais
co director xeral de universidades para negocia-las retribucións
adicionais para o profesorado universitario, consonte os artigos 55 e
69 da LOU de tramos autonómicos.
A proposta da consellería consistiu en catro tramos. Un primeiro,
que sería xeral para todo o profesorado funcionario, tería
unha contía de 1.000 euros/ano e percibiríase a partir de
xuño. Un segundo tramo, para profesores funcionarios doutores,
de 900 euros/ano, percibidos tamén a partir de xuño deste
ano. Así mesmo, a proposta da Consellería inclúe
dous tramos adicionais, ó "mérito de investigación"
e mais de "xestión", sen especificar cantidades nin procedementos
de avaliación. A este respecto, segundo a Consellería, sería
a Axencia Galega de Avaliación da Calidade a que había establece-lo
procedemento de avaliación. Estes dous últimos tramos poderían
aplicarse a partir de 2004.
Fronte a esta proposta, as centrais sindicais lembráronlle á
Consellería as condicións que consideramos imprescindibles
para empezar a negociar: a aplicación das contías desde
xaneiro de 2003, o seu carácter consolidable e a súa adecuación
ó conxunto do profesorado. En coherencia co devandito, a proposta
da Consellería resultaba inaceptable, por canto non cumpría
ningún destes requisitos. Ademais, as contías propostas
para os tramos son claramente insuficientes.
Malia o antedito, as centrais sindicais expresáronlle á
Consellería que existen moitas posibilidades de aproximación
de ámbalas propostas e, en definitiva, de consecución dun
acordo satisfactorio para todos. Acordados neste punto, desde as centrais
sindicais emprazámo-la Consellería a unha nova xuntanza
contra finais dese mes ou principios do seguinte para acadarmos este achegamento.
Previamente, as centrais sindicais remitiriámoslle por escrito
as nosas propostas.
A propósito disto último, as centrais sindicais conviñemos,
unha vez rematada a xuntanza, que tales propostas habían ser:
1. Tramo xeral para todo o profesorado con dedicación exclusiva
á universidade. A contía sería de 2.000 euros para
2003 e de 4.000 para 2004.
2. Tramo para profesores doutores: 1.000 euros/ ano.
3. Nos tramos de mérito de "investigación" e de
"xestión", negociaríanse antes do 1 de xullo de
2003 as contías, temporización e método de avaliación.
Sobre isto, as centrais reclamámoslle á Consellería
o dereito de participarmos na Axencia Galega de Avaliación no que
atinxe ós métodos de avaliación que teñan
incidencia nas condicións de traballo do PDI, como é o caso
que nos ocupa, xa que, de tales métodos derivan percepcións
salariais. No mesmo senso, reclamamos esta intervención sindical
sobre os criterios que elabore esta axencia para as avaliacións
do profesorado, necesarias para optar ás prazas de profesorado
contratado incluídas na LOU.
Secretaría de Universidade de CC.OO.
|