PROPOSTA DAS CENTRAIS SINDICAIS A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN SOBRE RETRIBUCIÓNS PARA O PROFESORADO UNIVERSITARIO


Vista a proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria referida ás retribucións do profesorado universitario, en función dos artigos 55 e 69 da Lei orgánica de universidades e logo da xuntanza tida nesa consellería o día 9 de abril de 2003, as centrais sindicais presentes na devandita xuntanza acordan notificar:

PRIMEIRO-. Os complementos denominados "fixos" e aplicables, na proposta desa consellería, ó profesorado funcionario (tanto o complemento para funcionarios docentes, cuantificado en 1.000 euros por ano, canto o complemento para funcionarios doutores, cuantificado en 900 euros por ano) deben abranguer tamén o profesorado contratado, cuestión esta que consideramos irrenunciable. Na nosa proposta, o profesorado afectado ha se-lo profesorado universitario que teña dedicación exclusiva á universidade e que acredite, como mínimo, un ano de antigüidade na actividade docente nas universidades galegas.

En canto ás contías propostas por esa consellería para os devanditos conceptos, parécennos moi afastados da proposta das centrais sindicais e coidamos que a consellería pode facer un esforzo orzamentario maior. Neste senso, as centrais sindicais propoñemos, para o primeiro concepto, 2.000 euros para o ano 2003 e 4.000 a partir do 2004. Para o segundo concepto, a contía proposta sería de 1.000 euros por ano.

Estas cantidades serían consolidables e aplicables desde xaneiro de 2003.

SEGUNDO-. Respecto dos outros dous complementos propostos pola consellería, denominados de "calidade" e "xestión", propoñemos, en primeiro lugar, que as súas características (método avaliativo, contías, etc.) se negocien coas centrais sindicais antes do 30 de xuño de 2003. A este respecto, consideramos de grande importancia que a Axencia Galega de Avaliación da Calidade Universitaria conte coa participación das centrais sindicais para o establecemento do método de avaliación, xa que inflúe nas retribucións do persoal que representamos. Participación que, como fora comentado na xuntanza do 9 de abril, reivindicamos tamén cando esta axencia estableza o método de avaliación para as avaliacións do profesorado universitario, co fin de se cumpriren os requisitos que a LOU establece en canto a participar nas probas selectivas para prazas de profesorado contratado.

En segundo lugar, propoñemos que o denominado complemento de "calidade" se desdobre en dous complementos de calidade independentes: complemento de calidade docente e complemento de calidade investigadora. Estes terán cadansúas características (retributivas, de método avaliativo, etc) acordadas en función do exposto no parágrafo anterior.

Destes tres complementos, de calidade docente, de calidade investigadora e de xestión, o profesorado podería optar a un máximo de dous.

TERCEIRO-. Sería ben importante que a próxima xuntanza tivese lugar o máis axiña posible para tentar chegar a un acordo.


Asdo.:

Xosé Manuel Rivas Alvarez,
Secretario de Universidades de CC.OO., en nome propio e das centrais sindicais UGT, CIG e CSI-CSIF

Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

© Xuño 2003 Sección Sindical de CC OO da Universidade de Vigo