Cronoloxía Escritos Imprimir comunicado

Cando agardabamos que a Universidade de Vigo volvera a contar con orientadores/as laborais para realizar o seu traballo na OFOE (oficina de orientación ao emprego) coñecemos, por fontes alleas á universidade, que este ano a subvención que concede a Xunta de Galicia, solicítaa, no lugar da institución, un ente interposto chamado “Fundación Universidade de Vigo”.

E chove sobre mollado. Tras o desastroso proceso de selección do ano anterior, aínda sen concluír, no que o Vicerreitor de Relacións Institucionais, tomou decisións inxustas a sabendas de que o estaba a facer - ¿prevaricar? - cando seguimos sen coñecer o informe xurídico sobre o procedemento seguido nesta selección, documento que o vicerreitor ten agachado porque non lle é favorable, e cando este destacado membro do goberno actual da universidade segue a pagar, de xeito irregular, a traballadoras que non teñen relación contractual coa universidade aproveitándose da dotación económica dalgúns programas financiados con fondos europeos e das moitas posibilidades que existen para xustificar o gasto, o vicerreitor, Martínez Cobas, para intentar escapar do control democrático da institución e do control sindical decide, pola súa conta e risco, contratar agora a este persoal a través da FUVI.

Ata marzo de 2003 a OFOE contou con cinco orientadoras laborais que, aínda que estaban contratadas pola Universidade de Vigo, o custe económico destes contratos pagábao a Xunta de Galicia a través da concesión dunha subvención, é dicir, estes contratos saíanlle de balde a  Universidade. Ao escalar, quen foi director desta oficina, cumes máis altos e ser nomeado vicerreitor decidiu, tras cambiar o expresado aos representantes dos traballadores, reducir a dotación desta oficina de cinco a tres traballadores/as malia que o Comité de Empresa lle tiña solicitado que mantivera a plantilla existente ao considerar que con 26.000 alumnos matriculados na universidade e tres campus que atender (catro puntos de atención se metemos aos centros de Torrecedeira)  o número de efectivos non parecía excesivo.

Mais o vicerreitor xa fixera as súas contas e a reducción era en realidade unha depuración pois a súa pretensión non era outra que desfacerse dalgunhas traballadoras que non lle eran gratas ao discrepar cos planes que el tiña para esa oficina e limitarse a cumprir, tal e como era a súa obriga, as funcións de orientación sinaladas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación e pola propia Universidade.

Unha vez que decidiu  a reducción, o Comité de Empresa solicítalle por escrito que se respecte o baremo e a prelación establecida na primeira selección mais ao non ser esta do seu gusto decide iniciar un novo proceso de selección. No mes de xuño o Servicio Galego de Colocación envíalle 23 currículos que cumpren os requisitos solicitados ao vicerreitor.... pero como entre eles non estaban incluídos os das candidatas que el quería acorda, á marxe da Comisión de Selección, solicitar outra partida ao SGC, decisión que non é compartida pola directora desta oficina quen considera que o número de currículos enviados abondan para seleccionar tres candidatos/as, suxeríndolle  que faga a selección de entre eses expedientes  e no caso de que non atopara os perfís axeitados lle enviaría unha nova remesa. 

Para salvar este contratempo e conseguir contratar as candidatas que el quere o vicerreitor  decide facer unha selección paralela a través da lista de correo comunidade malia estar advertido de que é un acto ilegal pois estamos a falar de prazas convocadas por unha administración pública que teñen que rexerse polos principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade e as listas de correo da Universidade de Vigo non son un medio de información de acceso público xeral. De novo desdeña a norma e sen o acordo da Comisión e coa inestimable e inexplicable  cooperación do Servicio de RR HH, que estaba advertido da existencia doutra selección e de cales eran as intencións de Martínez Cobas, leva adiante este arbitrario proceso que non ten parangón con ningún dos realizados ata agora na Universidade de Vigo.

Pero as sorpresas aínda  non acabaran e nunha das reunións da Comisión os representantes da empresa propoñen un baremo no que priman aspectos de clara orientación docente (publicacións con ISBN, comunicacións e ponencias en congresos, bolsas e estadías internacionais...) e o fan para desbotar as candidatas que teñen un claro perfil de orientación laboral e asegurar a contratación das súas que nese momento son profesoras asociadas na universidade. A representante do CI propón o baremo que recomenda a Dirección Xeral de Formación e Contratación, ao consideralo o máis idóneo, e solicita a través dun escrito que se teña en conta a Lei de Incompatibilidades da Función Pública no momento da contratación.

Nas sucesivas reunións que teñen lugar en xullo e agosto do ano 2003 as discrepancias entre os representantes da empresa e a representante da parte social van en aumento chegando incluso o vicerreitor a ameazala con un expediente. A Comisión, sen a participación da representante do CI nalgunhas reunións e sen o seu apoio expreso noutras, vai dando bandazos e acumulando irregularidades: as candidatas preseleccionadas se lles someteu a unha entrevista puntuable, requisito que non aparecía na convocatoria, e que non foi recollido en acta (en realidade as entrevistas llas fixeron a algunhas das candidatas, eximindo a outras); as aspirantes foron convocadas por vía telefónica  e con menos de 24 horas de antelación.

E tras argallar e enredar todo o proceso o resultado deste despropósito foi que as tres candidatas propostas (entre as que se atopan as validas do vicerreitor) incumpren un dos requisitos da convocatoria: ser desempregadas inscritas en calquera oficina de emprego de Galicia.

A principios de setembro, nunha nova reunión da Comisión, a representante do CI pide abertamente suspender o proceso e solicitar unha consulta xurídica ao Servicio de Asesoría Xurídica da Universidade de Vigo para que analice o realizado ata ese momento. O vicerreitor non deu conta nunca do informe realizado polo asesor xurídico, malia terllo pedido incluso por escrito. A razón deste novo desaire explícase porque as noticias que lle dan no informe non son boas para o seus intereses.

A día de hoxe o proceso sigue inconcluso e sen ningunha posibilidade de poder cumprir o fin para o que foi convocado: cubrir as necesidades da OFOE para o ano 2003. O vicerreitor segue empeñado en contratar a quen el quere e agora pretende valerse da mencionada Fundación Universidade de Vigo para zafarse do control democrático consubstancial á  institución e do control exercido polos sindicatos e órganos de representación. As traballadoras que ata marzo do ano pasado desenvolvían as súas funcións na OFOE correron distinta sorte e así, namentres que as que o vicerreitor pretendeu sempre afastar están no paro ou  realizando traballos temporais, as que el sempre apoiou seguen cobrando da universidade a través de xustificacións contables  sen ter, que se saiba, ningunha relación contractual coa empresa.

É por iso polo que, Informados de que dúas ex traballadoras da OFOE seguen acudindo regularmente a traballar a dependencias da universidade, o Secretario do CI dirixe un escrito ao xerente para saber se algunha das cinco ex traballadoras manteñen relación laboral coa universidade, ao mesmo tempo que lle solicita información sobre a posible relación destas persoas cos programas EQUAL e EUREX Transfronterizo. No escrito de resposta asinado polo xerente aseguran  que ningunha destas traballadoras mantén actualmente relación contractual coa universidade e na relación de persoas  que están a traballar no programa EQUAL non aparece ningunha orientadora, do outro programa non dan ningún dato razón pola que se lle volveu a enviar un segundo escrito demandando a información completa.

Do segundo escrito aínda non recibimos contestación. Non obstante, malia ter a ousadía de poñelo por escrito, nós temos información que pode demostrar que dúas destas  traballadoras (novamente as protexidas do vicerrector) seguen a cobrar ¿irregularmente? con cargo aos programas mencionados e, en concreto, temos constancia que cobraron, tras o seu cese, cantidades por un valor de 5.543.99 € e 2.340 €, respectivamente, en distintos pagamentos feitos a contas ao seu nome, amén doutras cantidades que cobraron antes de rematar os seus contratos e outras que, no momento actual, están pendentes de cobro ao estar sometidas aos procesos ordinarios de control.

Tras todo o exposto as Seccións Sindicais de CC OO  e UGT esixen:

  • O remate da selección do ano 2003 con petición expresa de responsabilidades ao Presidente da Comisión de Selección.
  • A entrega do informe xurídico solicitado pola Comisión á representante do CI tal e como solicitou por escrito.
  •  A paralización da petición de subvención feita pola “Fundación Universidade de Vigo” e a esixencia de que esta solicitude a realice a propia Universidade de Vigo.
  • A selección do persoal da OFOE de acordo cos principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade mantendo o número de efectivos existentes ata marzo de 2003.
  • A investigación das cantidades pagadas a persoas que non teñen relación contractual coa Universidade de Vigo nin, que se saiba, foron seleccionadas en ningunha convocatoria pública para traballar nos distintos programas financiados con fondos europeos.
  • A negociación co Comité Intercentros do futuro desta oficina.
  • O cese inmediato do Vicerreitor de Relacións Institucionais.

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE:

Sección Sindical de CC OO Universidade de Vigo © 2004 Sección Sindical UGT Universidade de Vigo