Á
DENUNCIA PRESENTADA POLAS SECCIÓNS SINDICAIS DE CC.OO. E FETE-UGT
POLA ACTUACIÓN DA COMISIÓN QUE XULGOU AS PRAZAS DE TÉCNICO
SUPERIOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS E XESTOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS.
DENUNCIA DE CCOO E UGT POLA ACTUACIÓN
DA COMISIÓN QUE XULGOU AS PRAZAS DE TÉCNICO SUPERIOR DE ACTIVIDADES
CULTURAIS E XESTOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS CRONOLOXÍA E NOTAS NECESARIAS
PARA ENTENDER AS IRREGULARIDADES QUE QUEREMOS DENUNCIAR
Para dar a posibilidade de ocupar provisionalmente tódalas prazas
non cubertas da RPT do 2000, alí onde non había listas de
agarda, o Comité Intercentros (C.I.) e maila Xerencia
acordaron
convocar un concurso de méritos* no que puido participar tódo
o persoal laboral fixo da Universidade de Vigo.
O seis de febreiro publicouse nos taboleiros de anuncios a Resolución
Rectoral na que se nomeaban os membros das distintas Comisións de
Selección, compostas cada unha por tres persoas, duas nomeadas
pola Universidade, e unha nomeada polo Intercentros.
As Comisións que xulgaron as prazas de Técnico Superior
e Xestor de Actividades Culturais, son idénticas, o estar formadas
polas mesmas persoas, por parte da Xerencia, Xosé Manuel Cid Fernández,
que ostenta a presidencia, Angeles Sobrino Mosteiryn, que actúa
como secretaria, e, nomeado polo Comité, Luis Pérez Gómez,
que o fai como vocal.
A Comisión elabora, ela mesma, os baremos e criterios e procede
a realiza-la selección. O dezanove de febreiro publica a
súa proposta de candidatos e Alfonso Caride Losada encabeza
tanto a de Técnico Superior como a de Xestor. Na proposta
de candidatos non aparecen os criterios de avaliación empregados.
O vinteún, do mesmo mes, un dos aspirantes á praza,
desconforme co baremo empregado pola Comisión, presenta unha reclamación.
Días despois, a algúns membros do C.I. se nos fai partícipes
das irregularidades destes procesos de selección e o trece de
marzo, nunha sesión ordinaria do C.I., onde estaba presente
o membro que actuou como vocal, outros compoñentes do citado órgano
lle pediron explicacións sobre as irregularidades que se estaban
a denunciar intentando conciencialo dos graves erros que él estaba
a permitir. De nada serviu, pois o día seguinte, catorce de marzo,
a Comisión reuniuse para tratar a reclamación presentada,
e con data do mesmo día se lle contesta o reclamante que a
Comisión de Avaliación ratificase na proposta anterior
de adxudicación.
AS SECCIÓNS SINDICAIS DE CCOO E UGT, DESPOIS DE ANALIZAR ESTE
PROCESO DE SELECCIÓN E DE CONSULTAR A DOCUMENTACIÓN XERADA
POLA COMISIÓN ESTAMOS CONVENCIDAS DE QUE SE PRODUCIRON GRAVES IRREGULARIDADES
QUE IMOS EXPOÑER A CONTINUACIÓN
1. A Comisión de avaliación de méritos para
a cobertura con carácter provisional das prazas de titulado superior
en actividades culturais e xestor de actividades culturais, incumpre
flagrantemente as bases da convocatoria o entrar
a baremar os expedientes académicos da titulación esixida.
¿Qué di a convocatoria? Na Base TERCEIRA, apartado
3 di que se avaliará como mérito a "formación directamente
relacionada coa categoría e impartida por organismos oficiais e
centros de recoñecido prestixio, incluíndo as materias cursadas
para obtención de títulos oficiais, superiores
ó esixido como requisito de admisión".
¿Qué fai a Comisión? A Comisión
desdeña intencionadamente a formación relacionada coa categoría
e valora as materias cursadas na titulación que é requisito
imprescindible para acceder ás prazas: licenciado, para Técnico
Superior e diplomado, para Xestor.
¿Qué deberían de ter feito? Para cumprir
a base terceira, só podería valorarse como mérito
a licenciatura ou cursos de doutoramento na praza de Grupo II, e os cursos
de doutoramento na praza de Grupo I.
2. A Comisión emprega un baremo
inxusto pois, deliberadamente, favorece ós candidatos que partindo
dunha diplomatura (p.e. profesor/a de EXB) obteñen logo unha licenciatura,
en detrimento dos candidatos que fan cinco cursos para obte-lo mesmo título,
pois aínda que ámbolos dous reciben puntos por ser licenciados
os primeiros tamén os reciben por ser diplomados.
¿Empregouse este baremo nas outras Comisións de
Selección? Que saibamos, ata o de agora, ningunha Comisión
entrou a valorar o expediente académico e todas, excepto esta, lle
dan máis importancia á formación que ten que ver coas
funcións do posto a cubrir que ás notas acadadas na titulación
esixida.
¿Cómo se barema nas nosas secretarías? Na Universidade
de Vigo, cando alguén parte dunha diplomatura para completar unha
licenciatura, a diplomatura é considerada, a tódolos efectos,
un primeiro ciclo.
3. A Comisión, intencionadamente, busca un perfil
que nós definiríamos como pedagóxico-docente. Non
entendemos a razón pola que, nunha selección a prazas da
RPT do persoal laboral, cun perfil profesional perfectamente definido,
se valore o CAP (certificado de aptitude pedagóxica) e se lle dea
tanta importancia as notas acadadas na carreira e, por contra, non se teña
en conta a formación ou experiencia profesional en postos de natureza
afín.
Qué importancia ten o expediente académico no resultado
final? O expediente académico está descaradamente sobrevalorado
e representa case o 60% do apartado 3 da base terceira que é na
que se valora a formación directamente relacionada coa categoría
(de 35 puntos posibles o expediente pode conceder ata 20)
¿É necesario te-lo CAP para traballar como Técnico
de actividades culturais? Pois non, que saibamos non van dar clases
e as habilidades pedagóxicas que posúan, sonlle tan necesarias
nestas prazas, como lle poden ser a un conserxe ou a un conductor.
4. No apartado C, dos criterios elaborados pola Comisión,
chámanos poderosamente a atención que se mencione a "especialización
en galego" e se outorgue a puntuación máxima deste apartado
(2,5 puntos) a un dos seleccionados que presenta un diploma outorgado pola
Dirección de Política Lingüística da Xunta de
Galicia, onde non se especifica o número de horas, e polo contrario,
non se valore outra formación en galego.
¿Presentan os/as outros/as candidatos/as formación
en galego?
Pois si, por exemplo, un título de licenciado en
filoloxía hispánica , subsección Galego-Portugués
(recibe 0,5). A maioría acredita te-los cursos de iniciación
e perfeccionamento, que son outorgados pola mesma Dirección de Política
Lingüística e constan de 75 horas cada un, e incluso, algún
candidato acredita ter, ademais destes dous, o complementario que consta
de 60 horas ( outorgado por unha institución de recoñecido
prestixio chamada Universidade de Vigo).
¿Qué cantos puntos lles dan por 150 e incluso 210 horas
acreditadas de formación en galego? Pois ningún, cero
coma cero.
5. Tamén no apartado C, a Comisión converte o noso
abraio en estupefacción cando comprobamos que consideran mérito
(seguimos a falar de formación relacionada coa praza), cantar
dous anos nun coro (0,5 puntos), actividade esta que o beneficiado
non acredita documentalmente. Aquí o asunto canta de máis
e aparte de quedarse con todos nós, a Comisión comete unha
manifesta irregularidade o non cumprir o que din as bases:
("xunto coa solicitude deberán presentar documentación xustificativa
da titulación (base 1b) e dos méritos alegados consonte ás
base 3.3".)
¿Valora a Comisión outra formación relacionada
coa categoría? Aparte de valorarlle o mesmo beneficiado un curso
de "O ensino das Ciencias Sociais nun entorno específico: metodoloxía
e recursos" con 0,5 puntos, que non está relacionada coa praza que
se pretende cubrir, (e dálle co perfil pedagóxico) aquí
a Comisión actúa sen criterios obxectivos e valora, ou non
valora, o seu antollo.
¿Os/as outros/as candidatos/as presentan formación relacionada
coa categoría ou cursaron materias superiores ó título
esixido? Pois si, por exemplo un curso de animación sociocultural
de 40 horas, un curso de folclore e música tradicional galega de
25 horas, cursos de cerámica que en total suman máis de 400
horas, cursos de doutoramento... Todos valorados con 0,0 puntos.
6. A Comisión ó baremar os candidatos para a praza de Xestor
de Actividades Culturais non actúa con coherencia e perde completamente
o norte, ó aplicar os dous candidatos presentados, criterios distintos.
Ámbolos dous aspirantes á praza, teñen títulos
parellos: os dous son licenciados e os dous utilizaron como primeiro ciclo
da licenciatura o diploma de profesor de EXB, os dous presentan tamén
os expedientes das licenciaturas e ningún deles presenta o mesmo
documento da diplomatura. Nembargantes, a Comisión lle concede ó
candidato gañador (sigue sendo o mesmo) no apartado "expediente"
12,8 puntos, os mesmos que lle concedeu na praza de Titulado Superior,
esquecéndose de que, en todo caso, aquí só poderían
valorarlle o expediente da diplomatura, máis como non o ten, graciosamente
lle conceden ese favor. A forza de ir torcendo o resultado cara a un candidato
ó final rematan retorcendo todo o proceso.
7. Non é ético que un membro dun órgano que representa
a tódolos/as traballadores/as da Universidade de Vigo, non deixe
de formar parte dunha comisión de selección , unha vez que
coñece que o seu compañeiro de sindicato e membro coma el
do Comité Intercentros, está entre os candidatos que aspiran
a praza.
¿Por qué o Intercentros escolleu a este membro e
non a outro? O Intercentros escolleu a este compañeiro pola
súa insistencia en formar parte desta Comisión, pois, inicialmente,
ofreceuse a estar nese proceso selectivo un membro doutro sindicato.
¿Coñecía este representante que o seu compañeiro
de sindicato e Comité aspiraba a unha das prazas? O tratarse
de dúas persoas que pertencen o mesmo órgano de representación
dos traballadores e proveñen da mesma lista sindical, en boa aplicación
de normas éticas elementais, ámbolos dous deberan de coñecer
a contrariedade que se estaba a dar.
8. Ó día seguinte de participar nesta Comisión,
o mesmo membro do Comité Intercentros formou parte doutra para
escoller un Titulado Superior dos Servicios Xerais de Investigación,
e nela defendeu criterios e baremos distintos ós que aplicou
(aplicaron) o día anterior (ver documentos
nº
5 e nº 6)
CONCLUSIÓN E PETICIÓN DE RESPONSABILIDADES
1. Os argumentos expostos nos puntos anteriores, lévanos a conclusión
de que se cometeron graves irregularidades no proceso que estamos
a describir e que a comisión aplicou uns criterios e baremos, claramente
subxectivos, que beneficiaron a uns candidatos e prexudicaron a outros,
o que nos permite afirmar que as normas que se fixaron, o non ser obxectivas
e xustas, atentan contra os principios de igualdade, capacidade e mérito
que deben presidir toda selección, nun servicio público e
democrático como é a nosa universidade.
2. Non comprendemos nin compartimos a actitude que en todo este
proceso mantén o noso compañeiro Luis Pérez
Gómez, lembrámoslle que está aí en nome
do Comité Intercentros, órgano que ten a obriga de defender
os intereses de tódolos traballadores e traballadoras. A
el lle estamos a pedir e lle seguiremos pedindo responsabilidades tanto
dentro como fora do Comité.
3. O máximo beneficiado deste amaño forma parte do Comité
Intercentros, membro por certo pasivo, pois en dous anos só asistiu
a dúas reunións. Por suposto que defendemos que calquera
membro do C.I pode participar nunha promoción ou obter os mesmos
beneficios que o resto de compañeiros e compañeiras, máis
o que nunca apoiaremos é que alguén aproveite a súa
pertenza o Comité para conseguir vantaxes.
4. O presidente desta comisión, e polo tanto máximo responsable
do que nela suceda, é o ex-vicerrector de Extensión Universitaria
e actual Decano da Facultade de Humanidades de Ourense, X. M. Cid Fernández,
a el tamén lle imos pedir contas. Non é digno que un cargo
institucional permita estes excesos e arbitrariedades.
5. Nós, como Centrais Sindicais, que tamén participamos
no goberno do Intercentros, somos conscientes da gravidade dos feitos que
estamos a denunciar e dos efectos que esta denuncia pode ter na relación
sindical. Máis é o noso deber facelo. Esta non é unha
liorta entre sindicatos, esta é unha acción necesaria para
que todos e todas podades seguir confiando na credibilidade e ética
sindical.
6. Facemos, por último, un chamamento á CIG laboral para
que deixe de actuar partidariamente no Comité Intercentros e para
que defenda por igual os intereses dos traballadores e traballadoras da
Universidade de Vigo sen importar a súa afiliación. En xogo
está a unidade de acción sindical que CCOO e UGT consideramos
esencial, máis non a calquera prezo.